quen somos contos cineteca enlaces galer’a de fotos contacta con n—s
A Casa EnChantada facebook twitter
 
quen somos
contos
cineteca
enlaces
galeria de fotos
contacta
prensa
 
 
 
 
2teixos
 
a web d@s nen@s
 
decalogo
 
cantos solidarios
 
 
 

• TEATRO SOLIDARIO
"Historias de Paqui-lLida a trasna maceira "

(Este conto foi interpretado polas/os mozas/os discapacitados do centro ASDEME de Chantada e por mozas e mozos da Casa da Xuventude).

E unha obra que pretende denunciar a incomprensión da diferenza e dos diferentes dentro da sociedade, a intolerancia sexa do tipo que sexa. Con ela tamén queremos destruír os contos que sementan o medo entre os nenos, os contos crueis. Pero o mais importante deste teatro é que reivindica o poder do corazón pequeno para cambiar o mundo, como lección de tolerancia.

 
 
versión para imprimir (word) descargar
versión para imprimir (pdf) descargar
 

Actores: Unha narradora con forma de maceira, a fada do saco verde, un teixo (árbore autóctona e mítica dos celtas), tres nenos(as), un paxariño(a), aínda que se poden ampliar os personaxes con máis fadas, paxaros, nenos, trasnos...


“A FADA DO SACO VERDE ”

Presentador: Donas e cabaleiros, distinguido público, historias de Paqui-Linda, a trasna maceira, presenta!, a incrible, marabillosa, magnífica e certa historia...(Unha nena cun pucho vermello, como din que saen as xacias do río)

Paqui-linda: (Narradora): Ola amigas e amigos, que ben sabe esta mazá, desculpade, preséntome, chámome Paqui-linda e son unha trasna maceira, nun tempo fun maceira da serra do Faro ata que un neno me deu unha aperta con tanto corazón que dende aquelas convertinme en muller-maceira contadora de historias, deses contos pequenos que garda a montaña de Chantada. Esta historia que vos vou contar non ten nada que ver coa do home do saco, de feito esta é unha historia para que ningunha nai nin pai volva asustar aos seus fillos con esa malvada historia que fai que os nenos teñan pesadelos. A miña é unha historia diferente, e a historia dunha fada, da fada do saco verde, contouma un paxariño mentres comía unha das miñas mazás no outono.  Díxome que  houbo un tempo que nas faldras do Faro habitaba unha fada que non sabia voar, era diferente ao resto das fadas, e como pasa en moitos lugares con humanos ou marcianos, o diferente nunca é tratado do mesmo xeito. Así pois, a nosa fada que non sabía voar era, con continuidade, alevosía, e mala educación, pasto das burlas do resto das fadas, o que facía que chorase sen descanso, día si e día tamén, aquilo era unha verdadeira deshonra para toda a comunidade das fadas normais. Por aí ben, escoitade como chora.

(Entra unha fada chorando cun pano grande de tea)

Fada: (facendo que chora): Ai, Ai, Ai, que triste estou.

Teixo: Ola fada, por qué choras?

Fada: Non sei voar, son diferente e o resto das fadas rinse de min.

Teixo: Senta neste banquiño que eu vouche tecer un saquiño máxico coas miñas follas.

(a fada sentase nun baquiño o carón do teixo, bocexa e axiña queda durmida).

Fada: (facendo que se esperta estirando os brazos): Que ben durmín. (mirando ó teixo).

Teixo: (entregándolle o saco a fada): Fada, fada, toma este agasallo é un saco máxico, con el poderás recoller todo o que manca o mundo, as guerras, o lixo, o lume…

Paqui-linda: Dende aquel día a fada andaba de lugar en lugar recollendo no seu saco a tristura dos bosques, a dor dos ríos, o pranto dos nenos daquela serra, o mundo volveuse fermoso, desapareceran do Faro, o lixo, os incendios forestais, a tristura dos nenos. O resto das fadas ficaron abraiadas, mesmo comezaron a sentirse orgullosas de ela chamándoa a fada do saco verde. Non existía problema que non recollese naquel estraño saco do teixo. O mundo volverase morno, con ganas de bicar, mesmo viñan chamar a fada de lugares onde habitaban guerras, fames e outras maldades.

Fada: Que feliz son con este saquiño verde. Eu tamén podo axudar aos demais coma o resto das fadas.

Paqui-linda: Un día, nunha agochada cova un grupo de Milos (seres de uniforme encargados do desorden mundial) reuníronse en asemblea xeral para mirar de atallar aquela desfeita que tiña forma de paz.

Milos: Mira esa, esta a acabar co noso traballo, non quedan guerras, fame, lixo, lume…. Temos que facer algo, ímoslle tender unha trampa.

Paqui-linda: Os trasnos embulleiraron o  camiño con e a fada axiña caeu naquela maldade afundíndose no lameiro da desesperanza.

(A fada camiñando, detense e pouco a pouco vaise agochando ata que sentada no chan escomenza a chorar e berrar)

Fada: Axudádeme, axudádeme, afúndome no lameiro.

Paqui-linda: A tristura botouse enriba do Faro, as arbores, os ríos, temían que a fada fose morrer así que chamaron aos paxaros. Nese intre un paxaro lector de bagoas das fadas recolleu unha daquelas lagrimiñas e decatándose da súa tristura comezou a chamar polos nenos para que axudaran a fada.

Paxariño: Vento, ventiño, que veña un neno listiño.

Paqui-linda: Entón apareceu un neno cargado de libros que só se pensaba en estudar para ser moi rico de maior pero de tanto mirar só para os libros, a fada non puido topar.

Neno-listiño: Teño que estudar, teño que estudar......( mentres leva a vista cravada nun libro, pasa diante da fada sen mirar para ela)

Paqui-linda: O paxaro do Faro volveu a berrar por outro neno.

Paxariño: Vento, venteiro, que apareza un neno larpeiro.

Paqui-linda: Apareceu un neno comendo tantas gominolas que tampouco puido axudar a fada do que lle pesaba e doía o bandullo.

Neno-larpeiro: Regaliz, chupas, chicles, sugus (facendo que come moito), como me doe o bandullo, (pasa de largo diante da fada botando as mans a barriga e berrando de dor).

Paqui-linda: Cando xa parecía que o lameiro devoraría a fada e que con ela desapareceria a tenrura dos bosques e dos ríos, e volverían guerras, lumes e  lixo. O paxariño fixo o ultimo esforzo.

Paxariño: Vento, ventón, que apareza un neno con corazón

Paqui-linda: O neno mais diminuto, o mais feble, pero o que tiña o mais grande corazón, lanzoulle o seu gran corazón a fada.

(Aparece un neno e quita do seu peto no peito unha corda, que ten atada no fondo un corazón de cartón)

Neno-corazón (Lanzándolle a corda a fada): Fada, agárrate ao meu corazón.

Fada: (Agarrándose ao corazón) Tira, tira por favor neniño.

Neno-corazón: (Tirando pola corda) Veña fada que xa o vas conseguir.

Fada: (Pega un chimpo no escenario saltado) Grazas neniño (dálle unha aperta). Ven comigo.(a fada e o neno van onde o teixo)

Fada: Teixo, teixo, salvoume este neniño.

Teixo: (Abrazándose ao neno) Graciñas pequeno polo teu gran corazón.

Paqui-linda: Dende aquel día a fada puido seguir recollendo as tristuras con aquel saco, o teixo tecendo máis sacos verdes e o meniño cultivando seu diminuto corazón. E vos que escoitastes esta historia, se algún día vos sentides tristes, non vos preocupedes, abride un cachiño a vosa fiestra, pechade un intre os ollos, seguro que  entra a fada do saco verde e recolle toda a vosa tristura. E por favor amade sempre a diferenza, sexan fadas, ananos ou marcianos. Ah! Cando me vexades con forma de maceira non dubidedes en abrazarme a ver se vos conto algún que outro conto. Mentres tanto ¿Quen quere unha mazá? (A narradora, a fada do saco verde, o teixo, o paxariño saúdan  e .... saen dende o escenario agasallando con mazás ao público).


FIN

« voltar ó índice dos contos
CONTOS SOLIDARIOS
Contos Solidarios - Avda. de Portugal 16 - 27500 Chantada, Lugo - carballoconbotas@hotmail.com
novodesenho