quen somos contos colabora cineteca enlaces galería de fotos contacta con nós
 
quen somos
contos
colabora
cineteca
enlaces
galeria de fotos
contacta
prensa
acceder ó foro







Bestiario da fraga dos contos solidarios
 

(Personaxes de 15 anos de contos solidarios nas escolas dende 1990 a 2005)


1.- Carballo con botas
. Pequena árbore galega contadora de contos solidarios, coa terra e cos homes, que naceu despois dun terrible incendio forestal dentro da bota vella dun peregrino . O carballo con botas anda na procura de historias diminutas coas que repoboar a fraga dos ContoSolidarios.

2.- Querco. Derradeiro habitante da fraga de ContoSolidarios que viu coma un incendio forestal facía fuxir a todos os seus parentes e con eles a paz e a mesma solidariedade. No Outono chorou bagoas con forma de belotas que deron orixe ó carballo con botas. Podédelo ver chorar despois dos incendios forestais en calquera lugar do noso país.

3.- Xan Filipíño. Afamado peregrino a quen ,mentres durmía esgotado, un grupo de donicelas roubáronlle unha bota vella, chea de furadiños e buracos, para pousala a sombra do carballo Querco. O vento inzou a bota de terra e un paxariño pousou unha belota dentro dela, fixeron casamento bota, terra, e belota o que deu lugar na primavera o nacemento do carballo con botas.

4.- Tío teixo. Tío do carballo con botas, habitante da fraga dos ContoSolidarios que coa chegada do incendio fuxiu refuxiándose dentro dun pote vello. Tío Teixo dedícase coas súas follas a tecer sacos verdes para as fadas que non saben voar, para que os leven con elas recollendo guerras, fame, tristuras e os pesadelos de nenas e nenos.

5.- Fada do saco verde. Estraña raza de fadas do bosque dos carballos ananos (Carballiño) que non saben voar, as súas bagoas, froito da humillación do resto das fadas, cativan de tal xeito aos teixos que namóranse delas e tecen sacos de cor verde para que con eles recollan os pesadelos dos cativos da fraga. Cando son atrapadas nos lameiros chaman polo vento ventón para que as rescate un meniño con gran corazón.

6.- Martiño Salgueiro. Neno que vive enriba dun salgueiro, preto do Miño, foi adoptado pola árbore despois de perder os seus pais nun incendio forestal.

7.- Arpa. Lontra do río que xunto co resto das lontras constrúen diques para asolagar os bosques co fin de frear a fera do lume nos incendios forestais e que Martiño poida seguir a vivir enriba do salgueiro.

8.- Moura fiandeira. Atópase por baixo das penedas de Erosa, pídelle pan os nenos probes, quen llo dá recibe un fío que se converte en ouro. Cando un cobizoso róuballe o fío este convertese en serpe velenosa.

9.- Trasno zoqueiro. Vive na fraga no lugar de Padernelle, agasalla os meniños probes con zocos que se converten en ouro ó chegar as súas casas. Cando un envexoso llos rouba, os zocos transfórmanse en terribles lobos.

10.- Xesta. Meniña probe do lugar de Serosa que comparte seu pan coa moura.

11.- Fento. Meniño doce do lugar de Padernelle, curmán de Xesta, que lle leva viño o trasno zoqueiro.

12.- Varkas. Tribo que habita a torre de Ercos, entre Serosa e Padernelle e que se dedica a construír cazadores de soños para afastar os pesadelos dos varkas mais cativos. Cando unha nube de cor verde con pintas azuis cega a liberdade dos varkas o canto triste dun deles fai que os paxaros mornos do outono, movendo as súas alas, ceiben o seu pobo.

13.- Omat. Deus dos castiñeiros que sempre comparte cos habitantes de Cambó o tesouro das castañas para soportar o frio inverno no val.

14.- Nautal. Fillo de Omat, avaricioso que non comparte as castañas coa xente do val.

15.- Os esquíos. Grupo libertario de esquíos que afastan a fame de Cambó roubando os froitos dos castiñeiros que pousan diante das casas dos habitantes do val.

16.- Recicliño. Ser verde que anda polos bosques e regatos tornando o lixo en penedos máxicos que turban a mente dos que danan a terra para que lle fagan ben.

17.- Coureliña. Nena habitante do lugar de Caurel que soña bosques de cartón e os pinta de color, Coureliña cunha goma borra o lixo e tamén os homes cando alguén deles manca o bosque, pinta mais lobos e así as árbores sorrín neses bosques de cartón.

18.- Lor. Lobo de cartón, inseparable da Coureliña dende que un dia o pintou.

19.- Zaín. Trasno da Peroxa que enfurecido co actitude dos humanos que mancan o río un dia decidiu secuestrar as augas gardándoas en Irima.

20.- Irimía. Lugar onde nace o Miño e onde Zaín con sete chaves agochou as augas.

21.- Brétema. Meniña do lugar de Ervedeiro, do penedo do Garabullo, que unha mañanciña parte na procura das augas roubadas por Zaín.

22.- Candaz. Lontra do Castro de Candaz que habita na pousa dunha barca miñota.

23.- Lugo. Lobo que bebe nos caneiros do Miño da cidade amurallada e que con Candaz e Brétema parten na procura das augas roubadas por Zaín.

24.- Meira. Xacia miñota e bondadosa que navega os ventos perchando en batuxo e que guiará a Candaz, Lugo e Meira na procura das augas. No remate namórase do trasno Zaín e os dous andan agora gobernando o mar en batuxo vixiando aos homes por se volven maltratar as augas para agochalas para sempre nalgún penedo fluvial.

25.- Fermina Doade. Curandeira de Sober que recomendaba as xentes que abrazasen as árbores para recoller a enerxía positiva. Emigrou cando a construción dos encoros do Sil e no remate converteuse en pantasma da Alameda de Compostela que escribe receitas de apertas as arbores para curar o desamor e tamén para o amor treboado.

26.- Mara. Abella da terra brava que habita na escola do Incio e quer ser gaivota.

27.- Mana. Poliño de gaivota afectada pola marea negra que se fai inseparable de Mara e xuntas loitan contra a fera do lume. Morren nun incendio e das súas cinzas brotan flores coas que o resto das abellas fan o mel.

28.- Fraga de Don Simón. Habitada por singulares personaxes que constrúen peneiras con forma de corazón, para peneirar ese estraño sentimento que se chama amor e libralo dos granciños de egoísmo que o acompañan, e cultivan nabizas para pedir perdón coas que se cociñan os afamados caldos de desculpas.

29.- Paula. Habitante da fraga de Don Simón, contadora de historias, que ten a encarga de traducir o soño do río e do bosque a lingua dos poetas. Vive enriba dunha sobreira.

30.- Neboeiros de Dona Andrea. Habitan no Pico Sacro con forma de barcos tradicionais, espallan auga a xeito de chuvia cando se precisa apagar o lume.

31.- Matías. Barqueiro de neboeiros, percha nunha nube con forma de barco de dornas. Cando llo pide Paula con poesías e bicos nas meixelas ceiba a chuvia e ama a Paula.

32.- Salgadiña. Estrela de Fisterra encargada de parar as guerras sementando palabras (xustiza e liberdade) como se sementan as patacas ou o millo. Foi atrapada pola marea negra. Sálvase grazas a un paxaro cormorán, borracho de alcatrán, lavándose na fervenza do Xallas e abrazando os carballos ananos do Monte Pindo.

33.- Paxaro Cormorán. Borracho de alcatrán, despois de salvar a Salgadiña namórase dela ata morrer. Hoxe é unha estrela que pide as xentes non tiren mais lixo ó mar, non vaia ser que se envelene Salgadiña e retornen a nosa terra as malditas guerras.

34.- Suberiña. Sobreira das Lagoas, escribe cartas nas súas follas para que os nenos amen as árbores, agocha poesías forestais e danzas de esquíos libertarios.

35.- Xacias da muñeira negra. Bondadosas, habitan os fondos do río Miño en Chouzán, curan as xentes enmeigadas polas lavandeiras. Na marea negra solidarizáronse coas sereas da costa pintando a piscina de Chantada con chapapote. Están sendo investigadas por unha equipa policial da garda civil.

36.- Lavandeiras . Fermosísimas mulleres que enganan os barqueiros pedíndolles que lles axuden a tender a roupa. Desaparecen e fica na roupa un engano, nácelles os enganados rabos de porco.

37.- Barqueiros de río. Non axudan a tender a roupa as súas mulleres e son enganados pola beleza das lavandeiras. Nácelles un rabo de porco e andan na procura dunha xacia da muiñeira negra para buscar unha flor negra con pintas amarelas coa que facer un cocemento que afaste o engano, segundo a curandeira Fermina Doade.

38.- Ank. Anano da tribo das nove derrotas nas terras das xacias da muiñeira negra. Viaxa cara a illa das gaivotas na procura da muller gaivota, da muller de cristal e da muller chuvia. Pódese ollar enriba dos castros espido bailando coa chuvia. Chove e chove e non para de chover.

39.- Ogheb. Muller chuvia, fuxiu a illa das gaivotas indignada co trato dos humanos a terra con tanto lixo e incendios. Está namorada do anano Ank.

40.- Muller gaivota . É unha gaivota que se converte en muller cando un humano pousa enriba dela un carapucho pardo para protexela do sol ardente da illa. Forma parte da resistencia das gaivotas o terror dos homes.

41.- Muller cristal. Aparece na illa cando se pousa o sol. A muller cristal converte todo en algo semellante o cristal, fai desaparecer bosques, fervenzas, praias, fontes para que o home non as mire e sen ollalas non sexa capaz de destruílas.

42.- Píntega das Ons. Repudiada e rexeitada por todos, só busca unhas pinguiñas de amor, cando alguén a ame pararan todas as guerras. É rexeitada polo xuíz, polo cantante e polo presidente da guerra preventiva, namórase de Ank e son torturados e fusilados polos estados unidos do país da normalidade. Trala súa morte estendese unha praga de flores negras con pintas amarelas. Dende aquelas a xente, o cheirar estas flores, fica namorada do diferente, dos soños, das palabras, das ideas e das esperanzas.

43.- Ergo. Neno-río, foi roubado polo Miño nunha vinganza equivocada contra o home que o torturaba con adubos e paredes de cemento. Agora conta contos co rio seu paso entre a ponte do camiño de ferro e a ponte romana en terras de Ourense.

44.- Roburiña. Carballa oca da alameda de Compostela onde vive a pantasma de Fermina Doade, a curandeira que estende receitas para abrazar as arbores.

45.- Tasniño piña. Trasno diminuto con forma de piña cativa. Se o pousas dentro dunha árbore oca, abrázala e dis “trasno, trasniño convértete en libriño”, o día seguinte aparece un libro de contos dentro da árbore con receitas para abrazalas.

46.- Lobo bravo chino. Bondadoso menos cando se topa cun humano que verque lixo, pelexan ata convertelo en trasno recicliño. Acolle a Busege na súa fuxida da guerra.

47.- Neno fame. Habita nas terras do sur enganado constantemente polo vento mentireiro que o fai cambiar de nome, neno frío, neno guerra, neno sede, ata que nunha patera chega a praia cos olliños pechados e o chaman inmigrante nº 3. Rebélase e constrúe tres cazadores de ventos mentireiros na procura de tres magas solidarias.

48.- Lamiñas de Abade. Grupos de magas que trocan o vento da mentira en vento da paz, da xustiza e da liberdade. ¡Tiza, Tiza, Tiza, que este sexa o vento da xustiza!...

49.- Mutitumba. Meniño que vive por baixo dunha árbore, os días de friaxe soña coa calor do mar e cun neno lobo que o leve a praia. A súa vinganza é a bondade.

50.- Busege. Neno soldado que fuxe da guerra refuxiándose onde os lobos bravos chinos. Convertido en neno lobo busca vinganza vertendo odio pola faciana. O entrar no bosque o roce das pólas arríncanlle todo o odio ata chegar a Mutitumba.

51.- Siarbo. Trasno ladrón de soños que agochado entre penadas rouba os soños os nenos azuis para venderllos ós pais dos nenos vermellos. Un destes soños convértese en pesadelo e fai que o neno vermello sopre con tal forza que todos os soños de todas as cores caian enriba da fraga a xeito de chuvia solidaria.

52.- Nabiza. Raposa que viaxa pola Galiza descubrindo os estraños e destrutivos costumes dos humanos que habitan a nosa terra.

53.- Milos. Trasnos do lume que se adentran nos miolos das persoas para que non amen o bosque e o destrúan cos incendios forestais.

54.- Yetana. Domadora de ventos do deserto a quen un día o vento da tristura méteselle polas orellas para aniñar no corazón, comeza a chorar pedras.Despois de fracasar a visita dun grupo de médicos e científicos de países importantes, un cociñeiro chupanubes dun país minguante cociña sopa de esperanza, a nena deixa de chorar.

55.- Chupanubes. Cociñeiro dun país minguante que con ortigas da razón, cebolas da tolerancia, allos da tenrura e chuvia da liberdade cociña sopas da esperanza que curan os nenos que choraban pedras e fan que os pobos soñen que serán libres.

56.- Principes de area. Fahtma e Brahim, pódeselles ver moverse coa comitiva nupcial, cos danzantes, os músicos, os fogueteiros, os padriños, movidos polo vento con forma de area despois de que na súa voda un avión das forzas ocupantes confundiraos con terroristas e disparara sen cesar ata tinguir o deserto coa sangue da desesperanza.

57.- Vicentiño. Paxaro do río Miño que un día pousouse enriba do carballo con botas descubrindo que nas pólas das árbores da fraga dos ContoSolidarios habitaba a palabra paz e o mesmo tempo que os incendios destruían ás árbores, a guerra estendíase por todo o planeta. Vicentiño foi convertido polos Milos, trasnos do lume, en carauta de Antroido. Anda subido a cabeza chea de paxaros dun contacontos acompañando o carballo con botas contando historias para parar as guerras e tamén as mareas negras.

58.- Vicentiña. Pucha latinoamericana, tecida polas mulleres maias do comercio xusto, que acompaña a Vicentiño nas árbores agardando a palabra paz. Vicentiña póusase enriba das barcas tradicionais dos ríos galegos para desprazarse de escola en escola.

59.- Rei do Silencio. Descuberto polos cativos da escola de Cambeo en Ourense, di que hai que falar baixiño para escoitar os contos. Foi secuestrado pola néboa, nebona, malona, que quería que a xente berrase para que retornasen as guerras a dominar a terra. Os nenos conseguen liberar o Rei do Silencio nunha competición deportiva contra a néboa, nebona, malona, por ver que fala mais baixo. Os nenos baten o record mundial de falar baixiño e participaran na próxima olimpíada neste afamado deporte do silencio.

60.- Cabra na liberdade. Tecida polas nais dos nenos de Bangladesh enfróntase co seu ollar o león da guerra que despois de asustar a toda a fauna dos ContoSolidarios, descubre nos ollos da cabra o poder da liberdade, que habita tamén nos ollos dos nenos que sofren as guerras. No remate o león treme, ten medo, renuncia as armas e pasea coa cabra pola fraga dos ContoSolidarios, falando ¡beeeeee! Como a mesma cabra.

61.- Vento e Juja. Estraños personaxes que de escola en escola convencen as nenas e os nenos galegos para que lle arrinquen o pucho da guerra e o pucho da fame aos trasnos da inxustiza que habitan en tantos lugares do mundo. Cambian contos por lapiseiros para escribir a palabra liberdade nos soños dos nenos refuxiados do deserto.

62. Mufit. Camelo refuxiado do deserto saharauí que lle conta media ducia de contos solidarios a Vento e Juja para que axuden a repoboar a fraga dos ContoSolidarios.

63. Homem triplicado: Ten tres nomes, Desprestixe na Costa da Morte, Tarbús na Auria e Xacinho en Portugal, aparece para interromper os contos convertendo lixo, o chapapote e as armas en bolas malabares que saltan polo ar a xeito de esperanza ceiba.

64. Lobo Garabelos. Trátase dun lobo pacifista e solidario, que despois de voltarse vexetariano para non matar a ninguén e sufrir un incendio forestal que deixa sen belotas o seu bosque parte na procura dun contacontos , para que lle compense tanto maltrato de lobos nos contos ensinándolle a cociñar contos solidarios. No remate abre unha casa de xantar onde se sirve o menú do día con contos. Para chamalo falade baixiño.

Contos Solidarios - Avda. de Portugal 16 27500 Chantada, Lugo - carballoconbotas@hotmail.com
novo desenho